Monday 06 de May de 2024

Os Reis Magos percorrerán as rúas de Sigüeiro na tarde do luns 5 e presidirán unha gran festa no polideportivo municipal


O Concello de Oroso celebrará na tarde do luns 5 de xaneiro a súa tradicional Cabalgata e Festa de Reis. Este ano, o Concello de Oroso ofrece a posibilidade de que os nenos e nenas que o desexen poidan vivir a cabalgata dende dentro e acompañar a Melchor, Gaspar e Baltasar durante o seu percorrido polas rúas de Sigüeiro. Para iso é preciso anotarse previamente no centro cultural de Sigüeiro.

A Cabalgata de Reis sairá ás 17:30 horas da Estación de Vilacide para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro, durante o cal repartirán caramelos aptos para celíacos. O percorrido será o de anos anteriores: rúa do Portiño, rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa da Cultura, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades de Oriente serán recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal, presidida polo alcalde Manuel Mirás. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes, onde se agarda a súa chegada ás 19:00 horas e onde terá lugar unha gran festa infantil con inchables e música. Un pavillón municipal que non abrirá as súas portas ata as 18:30 horas.